The (authentic) Watch

Terry Pratchett, Zas!

★★★★☆

Zas! resúmese nunha soa palabra: brillante. O tropo entenderao quen teña lido a novela, a número 34 do Mundodisco e sétima da serie da Guardia.

Destas alturas ninguén vai discutir que todo o que saíu do privilexiado maxín de Terry Pratchett é brillante mais, neste caso, hai un... [spoiler] que... [spoiler] e polo tanto... [spoiler] é ben acaído.

Sinopse: Na batalla do val do Koom os trolls tenderon unha emboscada aos ananos, ou foi do revés? Ananos e trolls de Ankh-Morpork están a celebrar o aniversario da emboscada enleándose a labazadas en plena rúa. A iso súmase o misterioso asasinato dun grag, que segundo todos os indicios morreu a mans dun troll. A posibilidade de que a espiral de violencia quede fóra de control obriga ao comandante Sam Vimes a iniciar unha investigación. Outra excelente novela do Mundodisco sobre a intolerancia racial, as guerras e o necesario que é adoptar de cando en vez o punto de vista do inimigo.

Engado eu que unha interesante nova garda interina e as habilidades propias da súa raza -aínda sen presenza na RPT de Sam Vimes- serán unha inesperada axuda para Zanahoria, Angua e Jovial. Pola súa banda, os veteranos Fred Colon e Nobby Nobbs investigan un roubo ao máis puro estilo dos vellos tempos; nostálxicos tempos para eles e para o lector.

Tocaba ler algo da (auténtica) Garda despois da saída do tráiler de esa... esa... cousa da BBC America supostamente inspirada nestes especiais personaxes. A propia Rhianna Pratchett afirmou que "non compartía ADN ningún" coa obra do seu pai. Se a compañía tivese aforrado esa suposta inspiración e lles mudasen os nomes por outros calquera, a serie podería ser unha distopía cyberpunk (ou algo así, que sei eu) apetecible, mais deste xeito penso que nos perderon ás namoradas da fantástica obra de Sir Terry.