Hai un anaco puxen unha mensaxe a atención do Administrador do foro Correr en Galicia onde lle comunicaba a renuncia a seguir moderando no foro.
Debo dar as grazas por esta oportunidade que se me dou hai xa uns anos, poder participar de xeito activo na xestión da comunidade.
Nunca foi un traballo con dificultades, pois a xente normalmente é educada e con tal de respetar as demáis corredoras xa cumples con case todas as normas. Eliminar algunha mensaxe de spam dos bots, arranxar ligazóns, mover mensaxes a sección axeitada ou cambiar o tamaño das fotos eran outras das tarefas.
Non dimito por non poder facer o traballo.
Razóns
Un exemplo. Desde 2010 rexistrado, 12 mensaxes e acórdase agora de vir lembrarnos que vaiamos a facebook sen aportar máis información de que o sábado pola noite hai unha carreira. Dixen no foro que remataríamos organizando as carreiras mediante o whastapp, e non me vou enganar moito.
Nos últimos anos vese unha clara tendencia a baixa no número de mensaxes que se escriben no foro, sendo case sempre as mesmas trinta ou corenta persoas as que escribimos.
Diferente caso é o número de persoas rexistradas ou o número de visitas (que non coñezo), mais esas persoas non sinten a necesidade de participar escribindo en Correr en Galicia.
O número de carreiras populares e o número de persoas que corrern non deixou de medrar nos últimos anos, quizáis estamos nun momento onde hai máis carreiras que corredoras polo que as dificultades que se aveciñan para as carreiras que non se adaptan aos tempos novos son perfectamente previsibles. Como para Correr en Galicia.
Non teño ningunha responsabilidade na xestión da web, a súa promoción e difusión, pero os seguintes parécenme suficientes argumentos para agradecer que teñamos Correr en Galicia:
- o Calendario máis completo de carreiras, andainas, triatlóns e eventos grazas as persoas que aportan información
- preto de 20 anos facendo comunidade, sen publicidade, nin monetizar as persoas, nin promoción de mensaxes de unhas persoas sobre as outras, sen facer perfís das usuarias.
- comentarios abertos a todas as persoas, con identificación de usuarios-organizadores e con interacción directa coas corredoras
- só se moderan as mensaxes que faltan ao respeto de persoas/organizacións
finalmente
- o Circuito Correr en Galicia: un divertimento simple, un xogo, sen máis afán competitivo ou premio que a satisfacción persoal e o fomento da actividade en grupo, unha axuda a estar motivada para saír a correr, compartir unhas horas na finde.
Esta imaxe superior do "circuito" procede de Facebook, ten un código de rastrexo/seguimento. Pido desculpas, pero póñoa como exemplo das razóns que me levan a dimitir.
https://[...].jpg?_nc_cat=101&_nc_eui2=AeEkW43I_HdbhCeSmUuLx9ccF0tcAO-_oFQokvTBi2KoHjiO2Svovzhx0c1l8rBISEPxWfHL8bhwC1YWMdvq6H36trGc4CHtJvWNBR-KRxe3FA&_nc_ht=scontent.flcg1-1.fna&oh=35d795bba820640706f5945a090c782d&oe=5D8E0524
O 99.9% das persoas que participan en CnG non saben de qué estou a falar, nin saben o que implica, nin lles importa unha vez llo explicas. Se para min é un punto relevante a ter en conta, se cada día vexo cómo se utiliza a gran comunidade de persoas que visita Correr en Galicia para atraer visitas a páxinas de sitios web cuxo único modelo de negocio é a minería de persoas a través de alimentar un perfil publicitario, se esto, ao fin, se considera normal e eu teño que coidar de esa comunidade, non podo máis que dimitir debido a que éticamente non QUERO contribuír a fomentar esos rebaños. Somos o que se vende ao peso.
Esos milleiros de persoas que corren con regularidade e que antes tiñan a Correr en Galicia como un referente agora van ao facebook a compartir a súa experiencia. Están no seu dereito, pero que non conten conmigo, só iso. Sei que están en Facebook porque esa xente segue tendo as mesmas gañas de sempre de falar da súa paixón, do que lle gusta e ao que tantas horas dedican e tantas satisfaccións lle da, e veñen a contarcho ao foro, e dincho cando falas con elas en persoa. As todas nos gusta compartir e sentirnos parte de unha comunidade (é un feito antropolóxico), temos as opción de escoller a comunidade onde participamos. A miña non é facebook.
Outro exemplo son os equipos e clubes, que antes comentaban na sección dedicada do foro e agora fano en esos outros lugares.
Repito por se non quedou claro: que cada quen faga o que lle pete, pero eu non quero contribuír a esas comunidades que me resultan alleas.
Correr en Galicia é unha ferramenta a disposición das persoas, Facebook (e outras) é unha ferramenta de Facebook Inc.
Sabes canto costa o aluguer do servidor, o dominio e o tempo dedicado ao seu mantemento? Sabes cantos cartos gañou J. en todos estos anos con Correr en Galicia? Un día de estos abandonará definitivamente o barco, non lle reprocharei nada en absoluto, pero aparecerán ducias de mensaxes en facebook, non exentas de cinismo, lamentando semellante pérdida.
Remato
redoblando os agradecementos, sobre todo as persoas que seguen participando, aportando, axudando, dando ánimos, parabéns e abrazos a quen os precisa. Exemplo de esto son os Diarios das corredoras, onde volcamos todo o que nos pasa pola cabeza (o bo e o malo). Escoller Correr en Galicia e non unha plataforma de minado de persoas é un feito que hai que recoñecer e agradecer.
Google e Facebook son as dúas compañías que de facto monopolizan este mercado da publicidade en internet. Se cito a Facebook en máis ocasións é porque esta é a plataforma que máis spam fai en Correr en Galicia.
E non hai máis, non pelexei con ninguén e case ninguén me puxo pegas ao traballo feito. Seguirei participando como unha corredora máis, contribuíndo, axudando no que poida as novas persoas que se achegan.
Vaia! sobra dicir que por esto non cobraba nada nin tiña mesa preferente nas churrasquerías 😂
Comments
February 20, 2024 12:22
I gotta favorite this website it seems very helpful . zh CN 来自喀麦隆的印度签证